Thursday 02 de May de 2024

Feijóo eloxia a implicación dos profesionais sanitarios, dos investigadores, das familias e dos pacientes na loita colectiva contra o cancro


“Esta xornada é para vós, para reflexionar sobre todo o camiño andado e coller folgos”, di, agradecendo a dedicación e o esforzo de todos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, eloxiou na Gala benéfica contra o cancro, a implicación dos profesionais sanitarios, dos investigadores, das familias e dos pacientes na loita colectiva contra o cancro. “Esta xornada é para vós, para reflexionar sobre todo o camiño andado e coller folgos”, dixo, agradecendo a dedicación e o esforzo.

O presidente da Xunta subliñou que nesa loita contra o cancro as armas máis precisas para vencelo son, ademais dun diagnóstico precoz e dos tratamentos adecuados, a prevención e a información. E, nesta liña, destacou o traballo das administracións e o esforzo da sociedade civil, das asociacións e dos voluntarios que desempeñan un papel fundamental.

“Investigadores e facultativos sinalan o diagnóstico precoz como unha das claves para que o tratamento teña éxito. Por iso hai que seguir lanzando a mensaxe de que as revisións médicas non só son importantes, senón que son cruciais en moitos casos para detectar a enfermidade nas súas primeiras fases e evitar que avance”, lembrou, incidindo na necesidade de seguir traballando para ter máis e mellor información para enfrontar o cancro sen medo, pero coñecendo ben o inimigo contra o que se loita.

Durante a súa intervención, Feijóo resaltou o labor da Asociación Española contra o Cancro (AECC) para dar visibilidade á enfermidade, apoiar os enfermos e os familiares en todo o proceso e buscar financiamento para a investigación. E salientou que o seu traballo serve tamén de exemplo para moitas outras entidades que axudan nesta batalla, poñendo en valor a implicación da Fundación Amancio Ortega coa sanidade pública galega, coa incorporación de novos equipos avanzados de diagnóstico e tratamento do cancro, mamógrafos e aceleradores lineais.